Permítome compartir un comentario que veño de entregar para a materia de Lingua Galega. Aínda que sexa só por quedarme a gusto publicamente con alguén a quen non podo calificar como se merece por non ser groseiro.
Sinto que hai moita xente nos xornais, á que para máis se lles acredita como expertos, con “gana de leria” e con ganas de facerme perder o tempo, polo que tentarei ser breve na medida en que o requirimento de extensión o permita.
Particularmente cánsame e enfádame ler o artigo da Sra. García Negro, porque outra vez alguén, dende a atalaia do rol de experto, intenta dicirme como falar a miña lingua. Paréceme moi ben que pense que ela mesma é neofalante, pero ben se ve no texto que a intención é, ademais, darnos un toque a todos os perdidos que cremos erradamente que sabemos falar galego, aínda que sexa máis ou menos, cando o que usamos é un sucedáneo do castelán que ben merecería denominarse dialecto e aínda temos moito por aprender da lingua que os seus amigos inventaron. Faino ademais cun ton na miña opinión de superioridade que se cadra me molesta aínda máis có propio texto.
Non podo, pois, estar máis de acordo con Anselmo López Carreira, que polo demais foi para min un gran profesor de historia no bacharelato, e a súa resposta, no que argumenta contra os postulados da outra. Uns postulados que, como ben di, servirían para xustificar calquera experimento coa lingua, ó abeiro de que todos somos neofalantes e escudándose na pretensión de limpar a lingua das interferencias do ominoso opresor. Volvemos un intre, se se me permite, a Orwell, 1984: se o partido di que dous e dous son cinco, logo dous e dous serán cinco, aínda que os fundamentos da aritmética e a historia demostran que dous e dous son catro. O artigo de García Negro, entón, permitiría á RAG dicir que o que sempre se chamou dous será tres e o que se chamou cinco será catro, e viceversa, e os constantes neofalantes que somos os que aínda non chegamos á perfección na filoloxía galega teríamos que adaptarnos, porque para ela que o que sempre foi dous agora se chame tres responderá a algún argumento perfectamente lóxico que a alguén lle dará por inventar para xustificar a escolla, ou simplemente á moi recorrida liberación da diglosia, para dicirnos, unha vez máis, que non sabemos galego, que o que sabíamos estaba mal e, por riba, que era unha simple fala de pobres marxinados.
Non paga a pena dicir máis.